O lugar da arquitectura galega contemporánea (1970-2000): autorreflexións e olladas vernáculas. teoría, historiografía, praxe

Autor: Rodríguez Caramés, Santiago
Fecha: 2023
Director: Sánchez García, Jesús Ángel
Universidad: Universidade de Santiago de Compostela
Escuela o Facultad: Escola de Doutoramento Internacional (EDIUS)
Departamento: Programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte
Fuente: Minerva Repositorio Institucional da USC

Resumen

O obxectivo da presente tese de doutoramento é construír un relato historiográfico e interpretativo da arquitectura galega entre 1970 e 2000 arredor dunha idea fundamental: a autorreflexión e as olladas vernáculas que articulan as propostas arquitectónicas analizadas. Non en van, estas liñas tendentes á introspección están profundamente estendidas tanto no debate interno como na crítica recibida externamente e son, polo tanto, homologábeis ás tendencias teóricas e críticas internacionais desta época histórica. Desta maneira, a articulación tripartita pretende estabelecer un contexto teórico, un compendio historiográfico e mais unha aplicación práctica e analítica de ambas as dúas cuestións arredor da produción arquitectónica destas décadas. Desde o punto de vista teórico, a liña preferente será o rexionalismo crítico, entendida non só como unha ferramenta de interese analítica e metodolóxica, senón como unha referencia historiográfica para comprender a viraxe rexional da arquitectura após a crise da modernidade. No percorrido historiográfico galego, revisaranse algúns dos principais fitos históricos que tradicionalmente se teñen visto como fundacionais deste período, taxando a súa relevancia e expandíndoos con outros feitos e unha atención á intrahistoria da arquitectura galega. A análise da arquitectura producida artellarase arredor de temáticas como o debate sobre a galeguidade da arquitectura, os diálogos coa cidade histórica e o patrimonio, as reflexións arredor do territorio e a paisaxe, a forma e a imaxe como dispositivos de transmisión de certa idea do país e da súa memoria vernácula, así como o uso de materiais e técnicas máis vinculadas á tradición. Ao longo da tese, en definitiva, poderán advertirse certas dialécticas entre modernidade e tradición ou entre as linguaxes máis contidas e as máis tendentes á espectacularización, binomios que canalizan estas viraxes rexionais da arquitectura galega contemporánea.

Ver tesis

Guardar en...